Demo Day para presentar Smart2ReDuCe
De esq a dereita: Víctor López (Grupo Gestán), Leticia Regueiro (Medrar Smart Solutions), Alberto Miguéns (CETIM), Juan Diego Fernández ( Recinor), Ricardo González (Clúster da Madeira de Galicia), Sonia /González (ITG), Javier Delgado (Himikode), Rebeca Obando (Inova Labs), Ana Botas (Viratec)

 

 

 

 

A Coruña, 5 de abril de 2024.- Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, celebrou esta maña no Edificio Servicios Universitarios do Campus de Esteiro, en Ferrol, unha Demo Day baixo o título ‘Dixitalización na economía circular: RCD e outros proxectos ambientais de transformación dixital de Viratec’. A finalidade deste encontro foi presentar o proxecto Smart2ReDuCe e poñer en valor as ferramentas dixitais nos proxectos ambientais que permiten reducir a pegada de carbono.

A xornada reuniu ao redor de 30 asistentes, entre os que se atopaban empresas de diferentes sectores vinculadas á sostibilidade ambiental e a circularidade, así como profesionais de medio ambiente da Universidade da Coruña.

O proxecto Smart2ReDuCe – Investigación en solucións 4.0 en economía circular para a industria de reciclaxe de RCD mediante visión artificial, fotónica avanzada e impresión 3D está liderado por Viratec e participan as entidades asociadas Medrar Smart

Solutions, CETIM, ITG, Inova, Himikode, Recinor e Grupo Gestán, xunto co Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia. A iniciativa recibiu financiamento por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo por valor de 277.870 € para o seu desenvolmento ata abril de 2024, a través da convocatoria 2023 do seu programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI).

A xerente do clúster, Ana Botas, comezou o acto agradecendo a colaboración das entidades asociadas e abordando a finalidade do Smart2ReDuCe, un proxecto de investigación industrial en tecnoloxías dixitais vinculado coa industria 4.0, que busca mellorar a competitividade do sector de reciclaxe de RCD (residuos de construción e demolición), a través do desenvolvemento dunha plataforma colaborativa baseada en ferramentas de dixitalización avanzadas orientada a lograr unha cadea de valor de menor pegada de carbono.

A continuación, o responsable de produción de Recinor, Juan Diego Fernández, e Victor López, director de operacións do Grupo Gestán, explicaron a orixe do proxecto a raíz da problemática dos RCD. Posto que os residuos de construción e demolición representan en peso e volume a maior fonte de residuos nos países industrializados e están compostos por unha complexa mestura de materiais (ladrillo, formigón, madeira, plástico, metais…), o aproveitamento destes materiais secundarios é máis eficiente que o uso de materiais virxes, xa que ten menor impacto a nivel de pegada de carbono e evita a extracción de máis materias primas do medio ambiente. Pero, para iso, é necesario clasificar o fluxo de residuos como condición previa para a súa reutilización, e a industria do reciclaxe de materiais de construción actualmente atopa diversos obstáculos nese sentido.

De aí xorde o proxecto Smart2ReDuCe co obxectivo de investigar novas tecnoloxías de visión artificial e fotónica avanzada para conseguir unha mellor separación en planta dos RCD para poder converter refugallos en novos materiais sostibles para a construción, algo que se valorará cos áridos reciclados mediante investigación en materiais e tecnoloxía de impresión 3D. Ademais, aliñado cos principios da economía circular, o proxecto busca mediante algoritmia avanzada baseada en redes neuronais contar cunha plataforma de datos do impacto ambiental positivo do seu proceso de separación co cálculo de pegada de carbono.

Ao longo da xornada tamén interviñeron representantes de entidades asociadas ao proxecto, quen explicaron de primeira man o seu cometido nesta iniciativa. Comezou intervindo Sonia González, responsable de visión artificial en ITG; a continuación, como representantes de CETIM, estiveron Elena Hidalgo, responsable da área de Industria Dixital, e Alberto Miguéns, investigador sénior de Materiales Avanzados. Acto seguido, tomaron a palabra Rebeca Ogando, responsable de Deseño de Produto Final en Inova Labs, e Javier Delgado, analista de datos en Himikode. Finalmente, interviu Leticia Regueiro, directora de Sostibilidade e Economía Circular de Medrar Smart Solutions.

Desta forma, mentres que Viratec se encargou da coordinación do proxecto, ITG liderou os traballos de visión artificial e fotónica avanzada, CETIM ocupouse da formulación de formigóns e impresión 3D, Inova e Himikode traballaron conxuntamente na plataforma e algoritmia avanzada para pegada de carbono, e Medrar responsabilizouse da optimización tecno-económica. As investigacións realizáronse a partir da información obtida das plantas de reciclaxe de Recinor e de Gestán.
Os resultados de Smart2ReDuCe contribuirán a acelerar a transición cara a neutralidade climática, a eficiencia enerxética e a facer un uso sostible dos recursos. A través da dixitalización búscase reducir nun futuro os residuos de RCD e reutilizalos de forma óptima grazas á mellor separación, creando novos materiais coas mesmas características que os fabricados con materias primas virxes.

Tras a presentación de Smart2ReDuCe, e seguindo a liña da transformación dixital e aplicación de novas tecnoloxías, os representantes de ITG, CETIM, Inova Labs, Himikode e Medrar explicaron outros proxectos nos que están inmersos aplicando as mesmas técnicas que empregaron no Smart2ReDuCe. A xornada finalizou coa presentación de proxectos que se están levando a cabo no CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) da man da integrante do grupo de Polímeros da UDC María José Abad López.