SYSPRO é unha peme con capital 100% galego fundada en 2004. Naceu centrada na visión artificial e a programación de PLCs e foi ampliando as súas capacidades e o seu espectro de competencias ata converterse nun integrador industrial, con departamentos de deseño mecánico e eléctrico que lle permiten acometer de maneira integral proxectos como liñas automatizadas, celas robotizadas ou equipos de proceso como biorreactores ou fermentadores.

Falamos con Miguel Carmody Rodríguez, responsable de I+D, sobre o papel facilitador da tecnoloxía na transición cara a unha economía circular.

– En que sectores e zonas xeográficas operan principalmente?

Os sectores que centran o groso da actividade de SYSPRO son o farmacéutico, o biotecnolóxico e o químico. Aínda que a carteira de clientes actual abarca outros sectores como o alimentario, o madeireiro e o de tratamento de augas.

SYSPRO opera tanto a nivel rexional como nacional e internacional. A sede central é unha nave construída no ano 2020, situada no parque tecnolóxico Porto do Molle en Nigrán (Pontevedra). Ademais desta sede, SYSPRO ten delegacións en Madrid, Lisboa (Portugal), Nova Jersey (EE. UU.) e Stein (Suíza).

– Falar dos proxectos de I+D+i aplicados á sustentabilidade ambiental nos que están a traballar actualmente.

Na actualidade, SYSPRO está a traballar en dous proxectos europeos relacionados directamente coa sustentabilidade e a valorización de residuos.

O primeiro deles é CHEERS, un proxecto do programa Horizonte Europa da UE. Neste proxecto o papel que desenvolve SYSPRO é o deseño dun biorreactor que ten como obxecto a valorización do metano resultado do excedente da produción da industria cervexeira, obtendo SCP, que é unha biomasa proteica con múltiples aplicacións, como a alimentación animal e a cosmética.

O segundo é ECOEFISHENT. Este proxecto do programa H2020 da UE está centrado na valorización de múltiples residuos da industria do peixe. O papel de SYSPRO no proxecto consiste no deseño e a construción da planta piloto para a xestión destes residuos.

– Cales son os retos na xestión e protección dun recurso clave como é a auga?

Efectivamente, a auga é un recurso escaso e que o será aínda máis nos próximos anos. Por tanto, debe tomarse como un dos maiores retos da nosa sociedade para as próximas décadas.

Hai múltiples liñas nas que se pode traballar para protexer este recurso, como poden ser a optimización de procesos industriais e agrícolas, de maneira que se reduza o seu consumo de auga, o reaproveitamento de excedente de auga que xa non son válidos para un uso, utilizándoos para outro fin, a detección e eliminación de contaminantes na auga, sensorización de sistemas para a detección temperá de perdas ou fugas, etc.

Desde SYSPRO participamos directamente en tres proxectos enfocados á mellora do ciclo da auga. Nos proxectos SENSO3 e TRIHSENS buscábanse sistema automatizados para a detección temperá de contaminantes e en EDAR360 traballábase na dixitalización da monitoraxe das distintas etapas do tratamento nas EDAR.

– Que papel xoga a tecnoloxía na evolución cara á circularidade? Como se relacionan a transición tecnolóxica e a transición verde?

A tecnoloxía é un gran facilitador do camiño cara á circularidade e a transición verde. Actualmente, xa existe tecnoloxía para mellorar a eficiencia e reducir o impacto contaminante de moitos procesos. Falta que se aposte desde os distintos estamentos, tanto públicos como privados, por investir nesta liña.

Ademais das tecnoloxías xa existentes, hai múltiples liñas, con distintos niveis de madurez, que xa demostraron a súa viabilidade técnica en moitos casos, ás que só lles falta un último impulso para levalas a mercado. Os proxectos mencionados anteriormente son exemplos de tecnoloxías que se poden aplicar xa no mercado e que terían un impacto na valorización de residuos e a transición verde.

– Viratec busca establecer alianzas para desenvolver proxectos innovadores centrados en lograr unha economía sostible, descarbonizada, eficiente no uso dos recursos e competitiva. Como valora a importancia da colaboración público-privada para avanzar no desenvolvemento sostible?

A colaboración público-privada é fundamental para o impulso de proxectos innovadores que faciliten a transición verde. Sen o apoio do sector público, moitas das iniciativas e proxectos que están agora mesmo en marcha non serían posibles. Aínda co apoio público, para a maioría das pemes supón un esforzo grande desenvolver actividades de I+D.

Por tanto, é fundamental que se impulse desde todos os estamentos o investimento en innovación para esta tipoloxía de proxectos. Non se debe perder de vista que o éxito en calquera destas liñas de investigación, e o seu posterior traslado ao sistema produtivo, supón unha mellora na eficiencia das empresas e un menor impacto na pegada de carbono dos seus procesos produtivos. Ambos os factores benefician ao conxunto da sociedade, xa que xeran riqueza de maneira sostible.

– Pola súa recente adhesión a Viratec, que esperan da agrupación industrial?

Esperamos que xurdan sinerxías co conxunto de membros da agrupación industrial, para poder promover iniciativas e consorcios fortes, que nos permitan desenvolver as liñas de traballo nas que xa estamos involucrados e participar noutras ás que vexamos potencial.

Tamén confiamos en que, co apoio da agrupación industrial, sexamos capaces de mobilizar recursos das distintas administracións, para impulsar e levar a mercado as tecnoloxías que nos permitan avanzar na valorización de residuos, diminución da pegada de carbono e o aproveitamento dos nosos recursos.

– Como pode achegar SYSPRO a implementar solucións en materia de medio ambiente e economía circular?

Pola natureza da actividade de SYSPRO como integrador de automatización industrial, a achega que podemos facer á hora de implementar solucións para a transformación verde é a de servir como facilitador de tecnoloxía e executor dos desenvolvementos que se investiguen a nivel de laboratorio.

SYSPRO ten a capacidade para deseñar, fabricar e automatizar os pilotos que sirvan de demostrador para as tecnoloxías para validar e/ou industrializar.