Pese ao avance tanto nos plans e estratexias das  administracións públicas como na concienciación da sociedade, “aínda existe unha gran dependencia dos combustibles fósiles”. Proba diso, explica a técnica de Medio Ambiente de Energal, Catuxa Quintela, é o reinicio da actividade da central térmica das Pontes, “cuxa parada estaba planificada”.

Integrante do comité de retos e alianzas de Viratec, Energal considera que o Clúster ten unha “posición estratéxica” entre a Administración e o tecido empresarial e que debe servir como “acicate” para avanzar nas directrices de desenvolvemento sostible.

Na actualidade, a necesaria eficiencia enerxética ten un claro protagonismo, pero Energal naceu en 2010. A que se dedica concretamente unha consultora de servizos enerxéticos?

Unha auditoría enerxética é un estudo integral que analiza a situación enerxética na que se atopa un determinado edificio e/ou instalación e propón as melloras que se poden realizar para optimizar e reducir os consumos e custos asociados. Baixo esta premisa, o obxectivo fundamental da devandita auditoría é propoñer solucións viables e beneficiosas para un mellor uso dos recursos dispoñibles, mellorar os procesos enerxéticos que alberguen os edificios e minorar o seu impacto enerxético, económico e ambiental.

Son moitos e moi diversos os servizos que ofrece Energal no campo da consultoría enerxética, pero, xunto á realización de estudos, auditorías e implantación de Sistemas de Xestión da Enerxía, tamén destacamos:

E no campo ambiental? As solucións ambientais son, precisamente e xunto á economía circular, parte da esencia de Viratec…

En Energal propoñemos unha consultoría ambiental integral e estratéxica, co fin de obter o éxito sostible, a través, por exemplo, de auditorías e diagnósticos ambientais fundamentados na Axenda 21 local e a Axenda 2030; Estudos de Avaliación de Impacto Ambiental; elaboración, asesoramento e tramitación de Autorización Ambiental Integrada; plans de seguimento e control ambiental; inventario de emisións, pegada de carbono e boas prácticas; ou plans de acción para o clima e a enerxía sostible.

Falamos de solucións e accións integrais. Detectan desde Energal un maior compromiso por parte do tecido empresarial a través de plans estratéxicos en materia de sostibilidade ou se continúan primando accións de carácter puntual?

Aínda que o compromiso do tecido empresarial a través da realización de plans estratéxicos ou outros proxectos en materia de sostibilidade cada vez é maior, aínda se circunscribe con demasiada frecuencia a accións de carácter puntual asociadas a posibles axudas ou imposicións lexislativas.

Se algo caracteriza a Viratec é a gobernanza participativa do Clúster a través de comités estratéxicos permanentes. Energal forma parte do comité de retos e alianzas, que papel xoga a súa empresa? Que prioridades e actuacións teñen sobre a mesa?

O papel de Energal no comité de retos e alianzas é o de compartir os seus coñecementos e experiencia sobre axudas nacionais, autonómicas e locais para a realización de posibles proxectos no ámbito da eficiencia enerxética e o medio ambiente, conseguindo así entidades máis resilientes fronte ao cambio climático e no camiño cara a unha maior redución das emisións de CO2 marcado por Europa.

Energal é a delegada en Galicia da Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética, imos por bo camiño en canto aos obxectivos relativos a emisións marcados pola Unión Europea con respecto ao resto de España?

Aínda que Galicia realizou diferentes plans e estratexias para conseguir unha redución de emisións como a Axenda Enerxética de Galicia 2030, e aínda que a poboación cada vez está máis concienciada coa necesidade de tomar medidas fronte ao cambio climático como as referidas a paliar a pobreza enerxética, aínda é necesario ampliar o conxunto de medidas e os sectores que estas abarcan para alcanzar a neutralidade climática.

Reflexo disto é a posta en marcha da central das Pontes, cuxa parada xa estaba planificada, e tivo que volver poñerse en funcionamento debido á alza dos prezos provocados pola guerra en Ucraína, o que pon de manifesto a gran dependencia que se ten aínda dos combustibles fósiles.

Que retos ou desafíos enerxéticos a curto prazo temos por diante e como podemos facerlles fronte desde Viratec?

Conseguir unha posición estratéxica entre a Administración e o tecido empresarial. Servir como acicate do tecido empresarial e da sociedade no seu conxunto para avanzar nas directrices para acelerar a descarbonización, fortalecer a capacidade de adaptación fronte ao cambio climático, mobilidade sostible, etcétera, ao mesmo tempo que se garanten fontes de enerxía seguras, sostibles e accesibles.