Representantes de distintas entidades adscritas ao Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular,  Viratec, visitaron esta mañá o Complexo Ambiental de Sogama en Cerceda para coñecer de primeira man as medidas de innovación ambiental aplicadas por esta empresa pública e que a levaron a ser todo un referente, a nivel nacional e internacional, na xestión de residuos urbanos, erixíndose na planta das súas características máis moderna e eficiente de Europa, así como en punto de referencia para o resto do mundo.

O grupo, liderado pola xerente de  Viratec, Ana Botas, estaba conformado por destacadas empresas do tecido industrial e tecnolóxico galego. É o caso de  Cetaqua,  Insertega,  Icoda,  Norvento,  Indrops Laboratorio,  Vertex,  Galicimplas,  Cetim, Gestagua, Coregal, USC,  Viaquia-AGBAR, TEN,  Agroamb e  GL  Ecological  Solutions.

A xornada arrincou cunha intervención do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, quen explicou de forma pormenorizada o labor da Sociedade, así como o salto tecnolóxico que os seus procesos experimentaron nos últimos anos tras a construción e posta en marcha da nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera conforme aos canons da industria 4.0, e que permitiu incrementar a selección de materiais reciclables depositados polos cidadáns na bolsa negra para a súa remisión aos centros recicladores; unha mellora que, sen dúbida, contribuirá a alcanzar os obxectivos de reciclaxe establecidos pola Unión Europea para os próximos anos.

Así mesmo, destacou a aplicación das últimas tecnoloxías dispoñibles nos sistemas de depuración de gases xerados na fase de valorización enerxética dos residuos non reciclables, garantindo desta forma unha operativa industrial respectuosa co medio ambiente e a saúde pública.

Neste sentido, Domínguez Lino aludiu ás emisións desta empresa pública, cuxos parámetros se atopan moi por baixo dos requisitos legais, á vez que lembrou que sobre as plantas de valorización enerxética recae unha estrita lexislación, moito máis rigorosa que a que rexe para outras infraestruturas industriais, extremo que esixe un minucioso control de todas as etapas do proceso.

Galicia, punto de referencia na xestión sostible dos residuos

O presidente executivo de Sogama mostrouse especialmente satisfeito co bo facer desta empresa pública no plano industrial, posibilitando que Galicia converteuse xa no espello no que se miran moitos países que aínda non han resolvido a súa problemática de residuos, véndose abocados ao uso desmedido do vertedoiro, última opción na xestión  xerarquizada de residuos estipulada por Europa debido ao seu negativo impacto sobre a contorna e a saúde.

Igualmente, manifestou que Sogama, no marco da ampliación da capacidade do Complexo, que pasou de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000, reduciu o depósito directo de refugallos en vertedoiro en máis dun 98% desde 2008, quedando este relegado a acoller aquela fracción que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente. Desta forma, cumprirá con moita antelación o requisito esixido polo Parlamento Europeo para 2035, ano no que todos os Estados membros deberán alcanzar a vertedura técnica cero (10%).

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *