O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular uniuse á suma de esforzos para mitigar o cambio climático desde Galicia. Xunto ás universidades galegas, autoridades portuarias, tecido empresarial e outras entidades, Viratec participou no acto de adhesión á Alianza Galega polo Clima impulsada pola Xunta de Galicia, integrándose así no conxunto de forzas sociais e económicas para traballar xuntos, sector público e privado, co obxectivo de deixar unha Galicia mellor ás próximas xeracións.

Durante o acto de sinatura, celebrado a mesma semana na que Nacións Unidas conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e o dos Océanos (8 de xuño), o presidente do Goberno galego lembrou que hai moitas maneiras de contribuír a frear o cambio climático: “Fano as industrias que modifican o seu sistema de produción para facelo máis eficiente e sostible; fano as universidades cando investigan e deseñan sistemas para favorecer esa produción respectuosa co medio; e fano as empresas que optan por produtos máis sostibles e ecolóxicos ou que desenvolven tecnoloxía que mellora e preserva a contorna”.

Formar parte desta Alianza supón, para Viratec y o resto de asinantes, asumir as liñas estratéxicas que cada ano iranse marcando, ademais dunha serie de deberes, como establecer accións dirixidas á mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre esta materia; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima; ou impulsar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

A Alianza Galega polo Clima ponse en marcha no contexto de tramitación da futura Lei do Clima de Galicia, que, tal e como lembrou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda, Ángeles Vázquez, durante o acto organizado polo Clúster con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, “será a primeira norma que recoñeza como obrigación legal alcanzar a neutralidade climática en Galicia en 2050”.