Viratec reafirmase como colectivo experto en solucións ambientais e economía circular
Representantes de entidades asociadas a Viratec.

O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) celebrou hoxe na Cúpula Atlántica do Monte de San Pedro, na Coruña, a xornada baixo o título ‘As nosas terras’, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que congregou a entidades asociadas ao clúster, que suman un total de 85 organizacións entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades.

O clúster reafirmouse como un colectivo experto para dar resposta aos retos medioambientais que afectan a Galicia “no eido da recuperación de solos, depuración e tratamento de augas, deseño de modelos economía circular e unha infinidade de proxectos e servizos que fan que en Viratec si teñamos motivos para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente”.

Viratec, que xera máis de 4.900 empregos directos e factura máis de 2.000  millóns de euros, foi recoñecido por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo como Agrupación Empresarial Innovadora (AEI). Isto conlevou á adxudicación do primeiro proxecto no marco deste programa de apoio, para a investigación en solucións 4.0 en economía circular para a industria de reciclaxe de residuos de construción e demolición, Smart2ReDuCe. Ademais, recentemente, puxo en marcha a primeira aceleradora de empresas do sector ambiental, Business Factory Climatech.

Neste encontro abordouse a restauración do Monte de San Pedro e a conversión do vertedoiro de Bens, un dos temas protagonistas deste 5 de xuño, que Nacións Unidas quixo dedicar á importancia de restaurar as terras, deter a desertificación e fortalecer a resiliencia fronte á seca. Para o clúster, o caso do vertedoiro de Bens “é un exemplo de restauración que pon de manifesto como a actuación responsable e a implicación de medios e coñecemento, poden aportar solucións con visión de futuro”.

No transcurso da xuntanza, ademais de explicarse o proceso de rehabilitación do Monte de San Pedro da man de Pedro Calaza, presidente da Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia, e a análise de conversión do vertedoiro de Bens no actual parque realizada por Guillermo Leira, xefe de departamento de Xestión Ambiental Urbano do Concello da Coruña, deuse lectura á posición de Viratec no reto da restauración da terra ‘III Declaración de Viratec polo Día Mundial do Medio Ambiente’. O clúster aproveitou para destacar que “cando falamos da nosa relación co planeta é moi frecuente facer referencia a estatísticas que reflexan o impacto negativo da actividade humana na contorna. É comprensible poñer a mirada sobre a ferida, pero tamén é necesario saber do avance e as melloras que a sociedade do coñecemento e as empresas que procuran solucións ambientais están acadando”.

Membros da Xunta directiva de Viratec xunto coa alcaldesa da Coruña e concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña.

Aproveitando a presenza da alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, que se encargou do peche institucional da xornada, e da concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña, Noemí Díaz, Viratec reclamou o compromiso e o investimento da Administración para “seguir investindo en sostibilidade, avanzando con programas innovadores, xerando emprego, reducindo o impacto ambiental e activando o coñecemento como tractor de progreso”.