Viratec - BF

 

 

 

 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024.O Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, Viratec xestionará a aceleradora de empresas do sector ambiental, Business Factory ClimaTech, tal e como o recolle a sinatura do convenio realizada esta mañá en Santiago de Compostela, entre o presidente do clúster, Iván José Vicente, e a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, en representación do IGAPE, GAIN e XesGalicia.

Segundo salientou Lorenzana, ClimaTech permite reforzar a aposta polo emprendemento innovador da Xunta de Galicia, impulsando novos proxectos nun campo que, tal e como sinalou, “ten infinitas posibilidades no momento actual” e que vai permitir “diversificar e potenciar a economía galega”.

A responsable de Economía, Industria e Innovación fixo fincapé en que o Goberno galego busca “crear en Galicia un polo de atracción empresarial, un ecosistema que sexa favorable para o emprendemento, a creación e o crecemento das empresas e as sinerxías empresariais”, sinalando que para iso é necesaria a colaboración entre todos os axentes.

O obxectivo  da Business Factory (BF)  ClimaTech é desenvolver tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima a través da implementación de programas de apoio a iniciativas de emprendemento especializadas nestes ámbitos. Búscase apoiar empresas innovadoras, viables e escalables, que respondan aos retos ambientais, axuden á industria na transición verde e capten talento, ao tempo que fortalecen o posicionamiento do sector ambiental galego no ámbito internacional.

O convenio contará cun orzamento total 1.050.000 euros a executar en tres convocatorias ata 2026, que serán cofinanciados entre o IGAPE, co 80% do presuposto, e Viratec co 20% do total. O presidente da entidade empresarial, valorou moi positivamente o acordo chegado coa Xunta de Galicia e agradece “o compromiso do Goberno galego coa descarbonización económica e o esforzo asumido para avanzar con feitos contra o cambio climático”. Vicente asegurou ademais que, “a creación da Business Factory é unha gran oportunidade para atraer investimento á Galicia e promover, deste xeito, unha economía máis sostible e respectuosa co medio ambiente”.

Funcionamento

A BF ClimaTech contará cun Consello de Entidades formado por empresas tractoras, científicas e investigadoras que se ocuparán de propoñer os retos en cada un dos eidos que orientará cada edición. Estes deberán aprobarse polo Consello Executivo.

Ao longo de tres anos, realizaranse tres convocatorias e cada unha delas contará con 3 fases: incubación, aceleración e consolidación.  A primeira edición apoiará a un máximo de 6 proxectos de emprendemento ambiental, e na segunda e terceira edición poderán participar ata 16 iniciativas.

Iván José Vicente, destaca que “tódalas empresas asentadas en Galicia poderán propoñerse como Empresas Tractoras para apoiar ás entidades participantes, o que será moi positivo para o tecido empresarial do sector galego, e altamente beneficioso para a cadea de valor da innovación galega”.

Fases de Business Factory ClimeTech

Ao igual que outros modelos de aceleradoras empresariais, a BF ClimeTech contará con tres fases, sendo a de Incubación a primeira delas, na que os proxectos estarán en fase de definición da idea de produto ou servizo.

A segunda etapa é a de Aceleración, na que as iniciativas contarán cunha idea e produto ou servizo definido e comprométense a desenvolver un produto mínimo viable. Poderán estar promovidos por sociedades xa constituídas cunha antigüidade máxima de 7 anos, ou ben que os promotores se comprometan á creación dunha empresa/centro de traballo en Galicia nun prazo determinado dentro do período de aceleración.

A terceira e última fase, a de Consolidación é aquela na que os proxectos terán un produto ou servizo desenvolvido nun modelo de negocio definido. Será a etapa na que realizarán unha primeira venda.

Asemblea

O convenio realizouse no marco da asemblea anual que Viratec realizou este mércores, 20 de marzo no Gaiás, en Santiago de Compostela, na que ademais de tratarse xestións administrativas internas, e de aprobarse os orzamentos 2024, contou co relatorio especial da investigadora Aranzazu Narbona que abordou a Axenda 2030 e a xeoestratexia Mundial.