Transformación dixital empresas asociadas Viratec

Os obradoiros de dixitalización impulsados desde Viratec co apoio do IGAPE proseguen o seu curso. As sesións celebradas ata a data están a permitir ás entidades participantes coñecer casos de éxito e solucións tecnolóxicas que lles axuden a transitar nos seus propios procesos de dixitalización.

José Manuel Pallas Regueiro, técnico do Departamento Xurídico e responsable de Seguridade en Sogama, participa nos talleres de valorización do dato, centrando na rastrexabilidade dos residuos. O obxectivo da empresa pública é adquirir unha visión global: “Sogama está nun exercicio inicial no relativo á dixitalización, co cal  necesitamos coñecer casos de éxito doutras empresas, solucións tecnolóxicas adoptadas para adquirir bagaxe e orientarnos nas posibilidades que pode ter Sogama nun curto espazo de tempo. Dada a singularidade que temos ao ser unha empresa pública, nunha segunda fase determinaremos mediante licitación, a selección dunha empresa de consultoría que nos acompañe para desenvolver un proxecto de transformación dixital en determinados procesos”, explica.

José Manuel destaca que as sesións axúdanlle a perfilar posibles aplicacións na operativa de Sogama, coas vantaxes de que “confluímos empresas de diversa índole pero con problemas comúns. Son talleres moi participativos onde se pretende unir  coñecemento entre todas as partes con suxestións moi diversas”.

Ricardo Vázquez Pérez, Director I+D+i en Emalcsa, participa noutro dos obradoiros, centrado nos retos da industria 4.0 nas empresas ambientais en xeral. Segundo explica o responsable de I+D+i, a Empresa Municipal de Augas da Coruña comezou a traballar en torno ao PERTE de Dixitalización do Ciclo Urbano da auga así como no proceso de compra pública innovadora, asuntos que inciden nos aspectos máis complexos do desenvolvemento organizativo e nos relacionados coa implantación de tecnoloxía e a necesaria formación do persoal.

Neste contexto, os obradoiros de Viratec “supoñen unha gran oportunidade de acceder a coñecementos específicos e contactar con empresas tecnolóxicas e de consultoría especializadas, ampliando as oportunidades de éxito nas iniciativas de dixitalización que temos en marcha”, sinala Ricardo. Asegura que os coñecementos que se achegan, tanto en canto aos procesos como ás técnicas e tecnoloxías, son de gran interese para poder acometer os plans da compañía, contribuíndo de forma práctica e mediante un esquema que resulta asumible en tempos e formatos para os técnicos da empresa encargados de desenvolver os procesos, e “onde a dixitalización será o principal elemento de investimento e mellora nos próximos anos”, destaca.