Baixo o programa Obradoiros do Igape á Dixitalización Industria 4.0, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular organizará nos vindeiros meses tres obradoiros de dixitalización dirixidos ás entidades socias. Proximamente iranse dando a coñecer as datas de celebración e para inscribirse os socios interesados deberán contactar con Viratec no enderezo destinado a este tipo de cuestións:  viratec@viratec.gal

Cómpre ter en conta que para poder participar é necesario asistir aos tres workshops e todos eles terán lugar antes do 20 de maio.

Os temas dos obradoiros son os seguintes:

  1. Obradoiro A: Os dous focos temáticos serán a valorización do dato e a dixitalización do proceso de certificación e do seu seguimento, co obxectivo de explorar solucións tecnolóxicas e proxectos colaborativos, a través de sesións de traballo grupal en formato físico e entrevistas individuais en liña coas empresas participantes.
  2. Obradoiro B: Abordará a posta en común das solucións dixitais innovadoras que poden empregarse nas empresas con especial interese na sostibilidade, optimizando o binomio tecnoloxía-medioambiente e creando o seu propio itinerario de dixitalización, coñecendo ferramentas e/ou solucións colaborativas. Teranse en conta as tres grandes áreas de traballo dentro do Clúster: solos, residuos e auga.
  3. Obradoiro C: Achegaranse solucións dixitais innovadoras á ecoindustria e sectores agroalimentario e forestal para optimizar o binomio tecnoloxía-medioambiente. Faranse itinerarios propios de dixitalización e solucións colaborativas. As temáticas axústanse ao interese dos demandantes de servizos tecnolóxicos relacionados coa circularidade e os ODS. Traballarase sobre plataformas de simbiose industrial, xestión de enerxías renovables, redución de pegada de carbono, hídrica, etc.