O 23 de outubro celebrouse na Universidade de Santiago de Compostela a presentación de VIRATEC, Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, un evento que reuniu a representantes de máis de 70 empresas do sector. A iniciativa de lanzar VIRATEC nace para axuntar ás empresas e institucións dedicadas ás solucións ambientais e a economía circular, un síntoma máis de que este sector é un piar fundamental da economía galega.

vitatec-noticia-primeros-pasos

O acto de presentación foi inaugurado polo profesor de Enxeñería Química, Juan Lema, membro da Comisión Xestora de VIRATEC, e o recentemente nomeado director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Fernando Guldrís. O evento de presentación tamén contou coa participación de Olga Martín, directora xeral de Aclima – Basque Environment Cluster, que achegou a experiencia acumulada pola agrupación industrial vasca durante os máis de 25 anos que leva apostando por solucións que achegan valor a través da promoción do medio ambiente nas empresas e na sociedade.

Ademais, tres membros da Comisión Xestora de VIRATEC expuxeron a folla de ruta da nova agrupación industrial, relatando a misión, visión e valores da organización, así como as súas orientacións estratéxicas, emprazando aos asistentes á asemblea fundacional da mesma, que tivo lugar o 23 de novembro.

Asemblea fundacional

O luns 23 de novembro de 2020 celebrouse en Santiago de Compostela a Asemblea fundacional de VIRATEC. O acto presencial realizouse na sede de FEUGA e tamén se puido seguir de forma telemática.

VIRATEC, onde participan a Universidade de Santiago de Compostela e a de Vigo, ademais de empresas como Norvento ou Agroamb, conta con máis de 2.000 millóns de euros en cifra de negocio e ten como principal obxectivo «ser un referente no desenvolvemento e implantación de tecnoloxías, procesos e solucións ambientais, a nivel local, nacional e internacional». A misión deste organismo é «incrementar a capacidade tecnolóxica, de innovación e a competitividade das empresas galegas que achegan solucións ambientais, fomentando un ecosistema de cooperación pública-privada e entre empresas, xerando sinerxías entre distintas áreas de coñecemento e promovendo o I+D+i, mellorando a formación e creando oportunidades de internacionalización para contribuír ao desenvolvemento sustentable da sociedade galega e a preservación do seu medio ambiente», engaden desde a organización nunha entrevista a Galicia Press.

Esta agrupación industrial de entidades e empresas do sector tecnolóxico e ambiental aglutina a todos os axentes directa ou indirectamente involucrados no sector das solucións ambientais. VIRATEC espera incrementar o valor económico do sector, fomentando o emprendemento e as colaboracións con entidades de prestixio tanto no mundo académico como no da investigación e desenvolvemento tecnolóxico. O medio ambiente e a economía circular serán os eixos ao redor dos que vire o traballo de VIRATEC, tanto a nivel galego como internacional, dando a coñecer a capacidade de Galicia para a innovación no sector ambiental.

Fontes: aclima, Galicia Press, Xunta de Galicia