Entrevista a José Manuel de Galicimplas para coñecer os retos aos que se enfrontan os xestores de residuos plásticos na comunidade galega.

Rebaixar os custos loxísticos e a pegada de carbono son algúns dos retos aos que se enfrontan os xestores de residuos, así como a necesidade de mellorar a segregación dos distintos tipos de materiais contidos nos rexeitamentos para seguir pechando o círculo e darlles unha segunda vida en forma de novos produtos.

Destas e outras cuestións charlamos con José Manuel del Río Abal, director comercial de Galicimplas (Grupo Ingaroil).

Á súa planta nas Somozas chegan residuos de toda Galicia que posteriormente regresan ao mercado en forma de pavimentos e outros materiais de construción e mobiliario urbano. Comercializan en toda España ademais de Portugal.

– Como contribúe Galicimplas á economía circular do sector dos plásticos? 

A economía circular é a nosa razón de ser debido a que como valorizadores damos unha segunda vida aos residuos plásticos. Ás nosas instalacións nas Somozas chegan os rexeitamentos de plástico, é dicir, aqueles que non se poden reutilizar directamente para facer outros produtos por estar mesturados con outras substancias. Proceden do contedor verde xenérico de residuos urbanos, así como da actividade portuaria, agrícola e industrial. Mediante un proceso de trituración, aglomeración e extrusión, convertemos estes residuos nunha materia prima apta para novos procesos industriais.

Pero ademais pechamos o círculo porque fabricamos pavimentos, palets, perfís para peches, tellas, táboas para paseos, mobiliario urbano, etc. Nós certificamos a trazabilidade do residuo plástico desde que o xestor recólleo ao produtor e entrégao na nosa planta, onde obtén unha segunda vida en forma de novos produtos que comercializamos en toda España e Portugal, tanto a administracións como a clientes particulares.

– Este mes entraron en vigor os novos impostos aos envases plásticos non reutilizables e á entrega de residuos en vertedoiros e instalacións de incineración. Como influirá na actividade de empresas como Galicimplas?

O previsible é que, se se cumpre a Lei de Residuos e Solos Contaminados, en plantas como a nosa entre un volume sensiblemente maior de residuos plásticos, posto que este marco legal busca potenciar ao máximo a economía circular e a reciclaxe. Tamén pode ser unha oportunidade para xerar un maior atractivo dos produtos realizados a partir de plásticos reciclados e chegar a máis clientes. En todo caso, esperemos que este tipo de medidas axuden a avanzar na protección ambiental e no freo á contaminación derivada destes residuos.

– Desde a súa experiencia, que retos prioritarios deben afrontar as empresas dedicadas á valorización dos residuos plásticos?

Necesitamos unir forzas colaborando mediante unións temporais de empresas ou fórmulas similares que nos permitan desenvolver proxectos conxuntos, así como impulsar novos modelos de traballo. Temos o reto de abaratar custos loxísticos e de recollida do residuo e, non menos importante, o desafío de reducir a pegada de carbono derivada do transporte. Tanto o prezo do transporte como a pegada de carbono son dous factores especialmente sensibles se temos en conta a dispersión das plantas de tratamento existentes en Galicia, que nos fornecen a nosa materia prima.

En paralelo, é importante impulsar proxectos de I+D+i que nos axuden a optimizar a segregación dos distintos tipos de residuos que chegan mesturados -rexeitamentos-, de modo que o proceso sexa menos manual e eficiente desde o punto de vista enerxético, facilitando ademais a transición cara ao emprego de enerxías renovables nos nosos procesos.

– O problema dos residuos plásticos xera unha percepción social algo negativa sobre o uso do plástico na fabricación de produtos. Como pode afrontarse este asunto desde o seo de Viratec?

O plástico é un material moi apto en múltiples sectores de actividade e dos seus residuos pódense obter produtos con prestacións e comportamento moi vantaxosos sobre outras alternativas, e así llo demostramos aos nosos clientes. Non teño a menor dúbida de que mediante a innovación os materiais plásticos van seguir moi presentes nas nosas vidas, e entidades como Viratec poden axudar a visibilizar publicamente estas melloras e avances na economía circular do plástico, porque ademais dentro do Clúster contamos con socios que aglutinan un alto coñecemento nestas cuestións.

– Un dos obxectivos do Clúster é favorecer a cooperación entre empresas e que estas fortalezan as súas capacidades tecnolóxicas. Que tipo de proxectos poderían impulsarse desde Viratec no ámbito da valorización dos residuos?

Penso que poderíamos explorar melloras na segregación dos materiais dos rexeitamentos, un dos retos que mencionei anteriormente. Outro proxecto moi interesante centraríase no problema da reciclaxe das pas eólicas en desuso, porque actualmente a súa valorización é case nula, aínda que se estea investigando nesta materia. Desde Galicimplas recibimos esa demanda do mercado e queremos apoiarnos noutros actores, tanto públicos como privados, para abordar a viabilidade de introducir estas pas no noso procedemento de fabricación, contribuíndo a dar resposta a un reto importante que afecta ao sector da enerxía eólica.