Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, celebrou esta mañá, en Santiago de Compostela, a Asemblea Xeral Extraordinaria con motivo da elección á Xunta Directiva de Viratec. Ao longo da xornada presentáronse os programas electorais das dúas candidaturas que optaban á presidencia para o período 2025-2028. Tras o reconto das votacións, as entidades asociadas ao clúster elixiron con 50 votos a favor, dos 73 votos emitidos, a candidatura encabezada por Josefa de León, da empresa Agroamb, como presidenta de Viratec. A de León acompáñana José Ramón Vázquez, de Aqualia Gestión Integral del Agua, como vicepresidente; Leticia Rodríguez, de Viaqua, como secretaria; Ramón Blanco, de Valtalia, como tesoureiro; e como vogais, Noé Pestonit, de Vertex Bionergy; Rosa Gutiérrez, de Coregal; e Juan Lema, de USC-Cretus.

Nicolás Esmorís, cuxo mandato remataría a principios do ano 2025, cédelle a presidencia a Josefa de León tras a decisión da Xunta Directiva de adiantar as eleccións debido a que proximamente se iniciarán dous grandes proxectos: por un lado, a Business Factory ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do sector ambiental e a economía circular de Galicia; e por outro lado, a execución do Plan Estratéxico 2025-2028. A Xunta Directiva saínte entendía que o máis convinte para o clúster é que un mesmo equipo se encargue de liderar estes proxectos desde o inicio, polo que lle ceden esta responsabilidade a nova Xunta Directiva.

Josefa de León, que no anterior mandato ocupaba a vicepresidencia, indicou que o seu principal obxectivo é “consolidar o clúster como referente no sector ambiental en Galicia, fomentando a investigación e innovación, apoiando o emprendemento co fin de acelerar e afianzar iniciativas ambientais e de circularidade que teñan capacidade de escalar e xerar impacto, e, tamén, mediante a participación dos asociados no deseño da estratexia do colectivo para os próximos anos”.

A Xunta Directiva encabezada por Josefa de León conta con representantes das catro provincias da comunidade e distintos sectores. A nova presidenta destacou que o sector ambiental “está chamado a ser un axente clave da industria, da sostibilidade e do desenvolvemento de Galicia”.