Joao Domingues inaugura Conversas de 10, o novo ciclo posto en marcha por Viratec, Agrupación industrial Galego Solucións Ambientais e Economía Circular.

O director de Innovación e Programas Europeos de FEUGA (Fundación Empresa- Universidade Galega) Joao Domingues será o relator principal da primeira xornada do ciclo Conversas de 10, un novo proxecto que Viratec estrea este ano 2023 para favorecer o coñecemento e a divulgación en materia de economía circular e solucións ambientais, co fin último de impulsar a transición da economía cara á sostibilidade, en e desde Galicia.

En cada xornada de Conversas de 10 convídase a unha persoa experta na temática elixida para a ocasión, seguido por unha mesa redonda integrada por representantes de entidades socias do clúster e igualmente relacionados coa materia. O formato do evento é presencial e en liña, previa inscrición en ambos os casos. De periodicidade mensual, a denominación Conversas de 10 alude a que as sesións se desenvolverán todos os días 10, desde as 10:00 horas.

O tema elixido esta vez é “As oportunidades da simbiose industrial”. Tras a intervención de Domingues terá lugar a mesa redonda integrada por Juan Antonio Álvarez (AIMEN), Luján López (Eixo Sustentabilidade) e Diego Méndez (ANFACO).

O xerme do novo ciclo xurdiu na xornada organizada polo clúster o pasado mes de novembro para reflexionar ao redor das claves da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP27),

O encontro sobre simbiose industrial terá lugar o venres 10 de febreiro en Vigo, na sede do Círculo de Empresarios de Galicia (García Barbón, 62). Para asistir, tanto na modalidade presencial como en liña, é necesario inscribirse nesta ligazón. No caso presencial a asistencia está limitada a 25 persoas e a reserva de praza realizarase por orde de inscrición.