Iván José Vicente foi designado por Viaqua como director xeral da empresa e representante da compañía á fronte da presidencia de Viratec, tras o cambio de posto de Marcos Martín á zona de Andalucía do grupo Agbar. Este novo destino obriga ao ata o de agora presidente a trasladarse á capital hispalense.

Iván José Vicente é enxeñeiro químico e leva preto de 20 anos no Grupo Agbar, ao que pertence Viaqua. Antes de chegar a Galicia, ocupaba o posto de director xeral na delegación da compañía en Estremadura.

Marcos Martín permaneceu á fronte do Clúster durante dous anos ata a súa substitución. Martín mantívose no cargo e en contacto coa xunta directiva para favorecer o traspaso de funcións ao seu substituto. Coincidindo coa época do Nadal, Marcos Martín comunicou a súa substitución á xunta directiva e a xerencia, e presentou ao seu substituto á fronte da presidencia de Viratec. No encontro Martín tivo palabras de agradecemento para os directivos, os membros das distintas comisións da organización e os asociados do Clúster, reafirmándose no seu convencemento de que a entidade terá un papel decisivo no tecido produtivo e na economía de Galicia.

Pola súa banda, Iván José Vicente accede ao cargo en representación de Viaqua co obxectivo de progresar no itinerario establecido na estratexia da entidade, forxando alianzas e favorecendo as relacións entre os socios para consolidar o sector ambiental e de economía circular de Galicia. Sobre a mesa está a organización da próxima Asemblea Xeral de socios, cuxa convocatoria se anunciará en breve.

A presidencia de Viratec continúa sendo ocupada por Viaqua, dado que é o asociado que resultou elixido nas eleccións, encabezando unha candidatura na que figuran outras cinco sociedades e organizacións membro. Os cargos directivos de Viratec son ocupados polas empresas ou entidades asociadas ao Clúster, de forma que estas son quen nomea ao seu representante na directiva.

Tras a incorporación de Iván José Vicente, o equipo de goberno da entidade mantense sen cambios e coas atribucións que cada directivo viña mantendo no seu desempeño.