Medio centenar de persoas relacionadas coas entidades socias de Viratec participan na actividade formativa organizada polo Clúster coa finalidade de impulsar proxectos potencialmente cofinanciados con fondos públicos como os recollidos no Programa Next Generation EU.

O presidente do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, Marcos Martín, foi o encargado de inaugurar o taller xunto ao director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Fernando Guldrís, e de presentar ao subdirector de Proxectos  Tractores do Igape, Santiago Álvarez, que compartiu cos asistentes as claves do PERTE de Economía Circular e outras oportunidades de financiamento no marco dos fondos Next Generation EU.

O director xeral do Igape presentou, durante a súa intervención, os eixos da Estratexia Galega de Economía Circular, poñendo acento no papel da Xunta na potenciación da economía circular no tecido empresarial. Neste sentido, Guldrís lembrou o lanzamento dunha liña de axudas destinadas a solucións avanzadas en metodoloxía circular na industria, a cal permitirá poñer en marcha proxectos individuais e tamén de carácter colectivo, nos que cooperen diferentes empresas.

Tras os relatorios, os asistentes integraron diferentes mesas de traballo acerca da xestión de residuos, o chan, a auga e solucións multisectoriais. Con esta dinámica, Viratec pretende mostrar como xerar equipos e consorcios de cara ao deseño de proxectos potencialmente financiados con fondos públicos.