Insertega, que confía en triplicar este ano a capacidade de xestión das súas novas instalacións grazas aos seus avances en I+D+i, xestionou en 2021 un total de 607 toneladas de pezas de roupa que, de non ser transformadas, “acabarían en vertedoiros”. Trátase da primeira empresa galega dedicada en exclusiva á xestión de residuo téxtil, que acaba de incorporarse a Viratec e cuxo director xeral, Juan Meijide, está convencido de que a colaboración entre entidades “é imprescindible en calquera proxecto”.

 

Que impulsou a Insertega a integrarse no Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular?

O primeiro, agradecer a Viratec que contase con Insertega para formar parte do Clúster e a acollida que nos destes. O reto que temos como xestores é buscar solucións a un problema que xa está creado; no noso caso, o téxtil. Para iso, debemos colaborar con todas aquelas entidades que teñan o mesmo obxectivo. Para nós, a palabra colaboración é imprescindible en calquera proxecto, xa que as aplicacións dos nosos subprodutos inclúen a industria téxtil, automóbil, descanso, construción, etcétera. En Viratec vimos a posibilidade de sumar sinerxías con persoas e empresas de Galicia, coas que compartimos obxectivos comúns e formas de facer as cousas. E isto facilita enormemente a colaboración.

Sodes a primeira empresa galega dedicada en exclusiva á xestión do residuo téxtil. Grazas por apostar por Viratec e, sobre todo, polo voso traballo en materia de sostibilidade. Como xorde Insertega?

Insertega xorde no ano 2013 coa intención de combinar dous proxectos: o ambiental, coa especialización na xestión de residuo téxtil; e o social, coa creación de emprego entre as persoas con maiores dificultades para a inserción laboral, polas súas distintas capacidades. Para Insertega, ambos proxectos son igual de importantes e entendemos que todo proxecto empresarial debe de ter un impacto positivo na nosa contorna. No noso caso, o [impacto] social e ambiental van da man.

Tendo en conta que, segundo datos da Comisión Europea, cada quilogramo de roupa reutilizado ou reciclado evita a emisión de 3,17 quilogramos de CO2 á atmosfera, podemos afirmar que a xestión sostible de Insertega evita a emisión de 350 toneladas de dióxido de carbono?

Collendo o valor de 3,17 quilogramos de CO2 por cada quilogramo de roupa, avalado pola Comisión Europea, o ano pasado [2021] xestionamos 607 toneladas de pezas que terían acabado en vertedoiros se non as transformásemos en materia prima para novas aplicacións. Polo que soamente neste proceso evitamos 1.924 toneladas de CO2. O dato é aínda maior se temos en conta que na planta de reutilización xestionamos 380 toneladas de pezas no 2021.

Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos, pero sobre todo cos obxectivos deste ano 2022, no cal triplicaremos a nosa capacidade de xestión nas novas instalacións grazas á forte aposta realizada en I+D+i.

Cal é o proceso de valorización de Insertega para facer posible que un residuo téxtil obteña unha nova vida?

O primeiro paso é a reutilización. Debemos evitar que pezas que poden seguir sendo reutilizadas sexan transformadas noutros produtos. Así, primeiro impulsamos a reutilización a través de doazóns aos roupeiros sociais dos concellos cos que colaboramos, entidades sociais, venda na nosa tenda social,… E, unha vez que as pezas chegaron ao seu fin de ciclo, procedemos a transformalas en materia prima para novos procesos como panelados, fiaturas, absorbentes, aglomerados, etcétera. Tratamos de buscar unha solución para cada tipo de composición. Isto é o que fai tan interesante a reciclaxe téxtil, a innovación e desenvolvemento constante.

A sostibilidade debe ser algo transversal, non só ambiental, senón tamén económica e social. En Insertega contades cunha estratexia de inclusión social a través de vosa propia plantilla de traballadores. Unha forma máis de pechar o círculo?

Efectivamente. Debemos ser sostibles economicamente como empresa á vez que buscamos solucións ambientais sostibles para os cidadáns e empresas que nos confían a súa xestión de residuo téxtil. Todo iso, tentando que teña un impacto social na nosa contorna. Crear un emprego de calidade nun sector tan castigado como o das capacidades diferentes fai que todo o anterior teña mais sentido e pechemos ese círculo.