Pegada de carbono negativa, innovación aberta, trazabilidade e economía circular. O compromiso do Grupo Ecoplas coa sostibilidade, a través do seu proxecto Netcycle, vai “máis aló de volver meter un subproduto no ciclo de produción”. Así o explica o director xeral da compañía, José Ignacio Peleteiro, que subliña a importancia de que ese material que entra de novo no círculo “achegue valor ao proceso”.

Na súa páxina web aseguran que o seu éxito reside en “buscar as solucións máis rápidas e eficaces aos problemas” dos seus clientes. Cales son os piares da súa estratexia?

A estratexia pasa por cumprir coa nosa misión, é dicir, transformar o concepto actual de packaging dotándoo de intelixencia e resolvendo os principais desafíos do século XXI e da sociedade actual, como a innovación, a sustentabilidade, a seguridade alimentaria e a tecnoloxía 4.0. Sempre en conexión cos nosos clientes e o mercado.

E son o mercado e os nosos clientes os que nos apuntan a necesidade de centrarnos na sostibilidade e innovación. En base ao cambio de paradigmas que se están dando no mercado actual, principalmente con leis tan restritivas co plástico, e ao noso compromiso coa circularidade e diversificación, decidimos reenfocar nosa estratexia incluíndo dous proxectos como son Smart Nets e Netcycle.

De feito, Ecoplas decidiu adherirse a Viratec a través do seu proxecto Netcycle. En que consiste?

Este proxecto está aliñado coa misión de Ecoplas e profundiza nos nosos valores, tales como a sostibilidade, a defensa do medio ambiente ou a economía circular.

Netcycle é o proxecto máis ambicioso ao que nos enfrontamos ata o de agora, xa que buscamos que a nosa pegada de carbono sexa negativa, é dicir, que durante a creación do produto se eliminen máis gases de efecto invernadoiro da atmosfera dos que se emitiron.

A través de Netcycle convertemos os residuos plásticos e téxtiles que se xeran en materias primas coas que, grazas a unha achega de valor e deseño, fabricamos tres liñas de produtos (mobiliario interior, exterior ou xardín e urbano). Ademais, o noso compromiso coa denominada innovación aberta tamén permite a quen o desexe solicitarnos material e que nos achegue valor a través doutros produtos que se poidan fabricar con esta materia prima.

Que hai da trazabilidade destes produtos?

Os nosos produtos levan un selo que garante que o produto é 100% fabricado con material reciclado e mesmo que para a elaboración empregouse unha porcentaxe de residuos téxtiles ou mariños.

Pero non quedamos aí, tamén incluímos un código QR que os cidadáns se poderán descargar para ver realmente a orixe do material, o proceso de selección, fabricación… ou calquera outra información que axude a concienciar á sociedade da importancia de preservar o medio ambiente.

Na aposta da compañía que dirixe pola I+D+i atópase, entre outras accións, a elaboración de mallas biodegradables para a produción de envases a partir de residuos. Un proxecto en materia de economía circular para o que recibiron apoio a través do programa Conecta PEME da Xunta de Galicia. Continúan adiante con Bialac?

Bialac é unha aposta por fabricar a nosa malla con materias primas compostables e biodegradables, pero aos supermercados cústalles afrontar a diferenza de prezo co material convencional, polo que, lamentablemente, como prescritores non o están fomentando entre os seus provedores de marisco ou froita.

Ademais, o proxecto de Lei do Plástico grava os materiais compostables co mesmo imposto que o plástico de orixe fósil, é dicir, 0,45 euros/quilo. O que realmente é un sen sentido. E se a isto sumámoslle que o PERTE de Economía Circular promove o uso de materiais plásticos de orixe renovable… É tal a incongruencia que percibes que o traballo que realizamos en proxectos como Bialac, apoiado por GAIN, só serviu para seguir fomentando unha cultura innovadora dentro da empresa.

A economía circular é, obviamente, esencial para Viratec (Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular). Cales son os piares deste modelo de produción e consumo no sector do packaging alimentario?

Desde o Grupo Ecoplas estamos convencidos de que actualmente o modelo de economía circular é esencial, pero que debe ir máis aló de volver meter un subproduto no círculo de produción de novo. Cremos que ese material que volve ao ciclo debe achegar valor ao proceso. Ese valor pódese achegar de moitas formas: redución das temperaturas no proceso de fabricación, xeración de novas materias primas…

O certo é que, dentro do packaging alimentario, non se apostou pola economía circular desde os supermercados, apostouse por demonizar materiais á conta doutros, sen ter en conta para nada, por exemplo, o impacto da pegada de carbono. Desde Ecoplas estamos a traballar en que sexa a pegada de carbono e non a materia prima coa que está fabricado o produto o que determine o material (vidro, papel, cartón, madeira, plástico…) máis adecuado en cada momento ou produto.

Que papel considera que debe desempeñar Viratec para contribuír ao cumprimento dos ODS da Axenda 2030 en xeral e ao desempeño baixo criterios ASG (ambientais, sociais e de bo goberno) das súas entidades socias, en particular?

O modelo de Clúster sectorial é un modelo anacrónico. Na actualidade ten máis peso a transversalidade de certos temas como a economía circular ou a innovación, que están presentes non soamente en todas as empresas independentemente do sector, senón tamén na sociedade.

Cun Clúster como Viratec, o compromiso cos ODS, tanto por parte das entidades socias como de Galicia, está garantido. Isto é así porque existe unha entidade específica (Viratec) que está moi pendente de que así sexa, independentemente do sector. Ademais, se sumamos o desempeño baixo criterios de ASG, o valor para socios en particular e para Galicia en xeral multiplícase.