Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada da directora xeral de Calidade Ambiental, Sagrario Pérez Castellanos, mantivo unha reunión de traballo co presidente do Clúster Galego de solucións ambientais e economía circular (Viratec), Marcos Martín, co obxectivo de analizar a posibilidade de impulsar actuacións conxuntas que promovan un cambio cara ao modelo de economía circular.

O encontro, no que tamén estiveron presentes outros representantes de Viratec, serviu para coñecer os proxectos deste organismo, que aglutina un total de 59 empresas relacionadas coas solucións ambientais, polo que a conselleira indicou que é importante manter un contacto permanente coas mesmas.

Nese sentido, avanzaron a celebración de reunións de carácter técnico en distintos puntos da xeografía galega, co fin de mellorar as porcentaxes de recuperación.

A conselleira destacou que o Goberno galego impulsou a Estratexia de economía circular convencido do potencial do tecido empresarial galego, así como da sociedade, de avanzar pasos cara a este modelo que aposta polo esgotamento da vida útil das materias primas e, sobre todo, dunha Galicia cada día máis verde e sostible.