A empresa de infraestruturas hidráulicas e xestión do ciclo da auga Espina & Delfín afronta a actual escaseza deste recurso natural fomentando a economía circular en todas as instalacións e coa procura activa das fugas nas redes de abastecemento dos municipios.

Así o explica a administradora solidaria da compañía, Rosa Blanca Rodríguez, que apunta tamén á importancia da  concienciación e da sensibilización social para acadar a sostibilidade deste ben esencial para a vida. 

-Espina & Delfin é unha empresa de longa traxectoria en infraestruturas hidráulicas e xestión do ciclo da auga, con fortes raíces en Galicia, onde naceu fai case medio século. Céntrase nun recurso natural, a auga, clave na vida das persoas e o planeta. Como afronta o actual escenario de estrés hídrico derivado do cambio climático?

Este ano está a ser especialmente seco, o período de maio a agosto foi o máis seco desde 1950. En Espina & Delfín afrontamos esta situación cunha xestión integral dos recursos e desde múltiples perspectivas. Por unha banda, mantendo en estado óptimo de funcionamento todas as instalacións do ciclo integral da auga, fomentando o modelo de economía circular nas mesmas. Por outra banda, cun labor de concienciación e sensibilización social de consumo responsable da auga.

-En Galicia, onde a auga era tradicionalmente un ben abundante, necesitamos un especial esforzo de concienciación para cambiar a nosa relación con este recurso natural, facendo un uso racional e consciente. Que papel xoga unha empresa como Espina & Delfín neste cambio de comportamento?

Como dicía, para nós é esencial concienciar á poboación para que se faga un consumo responsable dos recursos hídricos. En 2021 levamos a cabo a campaña “Está na túa man, pecha a billa cando toca”. Unha acción que realizamos conxuntamente con algúns dos concellos nos que xestionamos o servizo municipal de auga e co obxectivo de realizar un uso adecuado dos recursos e anticiparse ás situacións de seca. Este ano enfocámonos na concienciación a través das nosas redes sociais con vídeos, infografías e consellos para aforrar auga nos fogares e no día a día das persoas.

 -Sempre apostaron polo I+D+i na calidade da auga en colaboración con instancias académicas e investigadoras. Que aspectos de innovación promovidos desde Espina & Delfín destacaría pola súa especial incidencia?

A principal liña de investigación que impulsamos céntrase nas distintas posibilidades no tratamento de augas residuais industriais e na incorporación da economía circular no ciclo integral da auga. Cos proxectos de I+D+i que desenvolvemos estudamos aumentar a eficiencia e sustentabilidade na xestión do ciclo integral da auga. Estes proxectos realizámolos en colaboración coas universidades galegas e cos centros tecnolóxicos.

-Xunto á súa importante presenza en Galicia, Espina & Delfín é recoñecida como unha das compañías internacionais máis solventes da contorna económica galega na xestión das augas municipais e no tratamento das residuais, operativa en países como Angola, Portugal, Colombia, Senegal e Haití. Cales son os plans de crecemento e consolidación para os próximos anos?

Desde a nosa fundación como empresa sempre apostamos pola proxección internacional. A nosa experiencia e bo facer convertéronnos nunha das poucas compañías españolas que executan construcións hidráulicas no ámbito internacional. En 2021 afianzamos a nosa internacionalización con tres contratos en Senegal e Haití. Así, aumentamos a nosa presenza en Iberoamérica e abrimos delegación no citado país africado, que se sumaron ás de Angola, Colombia e Portugal. Os obxectivos a medio prazo son seguir expandíndonos e conseguindo novos proxectos para aumentar o negocio exterior, que xa representa un 20 % da facturación total do Grupo Espina & Delfín.

-Na súa memoria de sostibilidade de 2021 destacan o seu firme propósito de seguir sendo un grupo familiar e independente, involucrado e próximo aos problemas das persoas e o seu territorio. Que principais metas de desempeño ASG (Ambiental, Social e Gobernanza) destacaría como obxectivos a medio prazo? 

O meu irmán Óscar Rodríguez e eu vivimos como o noso pai, Delfín Rodríguez, construíu Espina & Delfín con enerxía, ilusión e traballo. Queremos seguir sendo un grupo familiar e independente que contribúa á xeración de riqueza na nosa contorna e que os  beneficios se reinvistan no ecosistema económico e social do que formamos parte.

En canto ao desempeño ASG, os principais obxectivos son o cumprimento normativo, ético e de bo goberno, promovendo a igualdade das persoas nunha contorna segura e saudable e, desde o punto de vista ambiental, aumentar o rendemento medio da rede de distribución de auga nos concellos que xestionamos, garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sostible e o saneamento para todos, minimizar a pegada de carbono e impulsar proxectos para loitar contra o cambio climático. A nosa actividade está aliñada cos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) de Nacións Unidas.

-Tendo en conta as oportunidades de mercado que abre a economía circular, que  sinerxías e proxectos cabe impulsar desde o Clúster para fortalecer a competitividade das empresas galegas ante os novos retos na xestión da auga?

A colaboración público-privada é esencial para implementar melloras na xestión do ciclo integral da auga. Por iso, a transferencia de proxectos innovadores que se estean desenvolvendo nos laboratorios e as empresas, que posúen a infraestrutura e persoal para levalos a cabo, é un bo punto de partida para fomentar as sinerxías entre as entidades públicas e privadas para afrontar novos retos.